Monday 29 de April de 2024

A Xunta de Galicia aposta pola universalización da formación dos empregados públicos da comunidade autónoma


A directora da EGAP destacou no Parlamento o importante papel do organismo no incremento da eficiencia administrativa e a súa consolidación como un foro de debate e análise de políticas públicas e cuestións de actualidade

A directora da Escola Galega de Administración Pública, Sonia Rodríguez-Campos, informou hoxe no Parlamento galego sobre o programa de formación da EGAP para o ano 2016 que suporá a convocatoria de 516 edicións e 23.148 prazas destinadas ao persoal da Administración da comunidade autónoma de Galicia, das entidades locais e da Administración de xustiza, ao persoal de administración e servizos das universidades e ao persoal da Administración institucional e entes instrumentais do sector público de Galicia.

O programa presentado para 2016 ten previstas un 12% máis de edicións e un 10% máis de prazas que as convocadas no 2015.

Durante a súa intervención, a directora da EGAP destacou o importante papel do organismo no incremento da eficiencia administrativa e a súa consolidación como un foro de debate e análise de políticas públicas e cuestións de actualidade incidentes tanto na Administración pública como na cidadanía.

Por outra banda, Sonia Rodríguez-Campos fixo balance das premisas fundamentais que guiaron a actuación da EGAP durante o último mandato.

En primeiro lugar, destacou a universalización da actividade docente que supuxo a incorporación progresiva de novos colectivos á formación da Escola –en 2014 o persoal de administración e servizos das universidades e en 2015 o persoal da Administración institucional e entes instrumentais do sector público de Galicia-. Así, o plan de formación de 2016 configúrase como un documento marco dirixido a todos estes colectivos que dota de unidade e coherencia ao conxunto da oferta. Isto, unido aos cursos específicos de convenio e ás xornadas e ciclos monográficos para a sociedade en xeral demostra a vontade da Xunta de Galicia de universalizara actividade formativa.

Por outra parte, a directora da EGAP fixo fincapé na renovación dos contidos e das metodoloxías docentes, baseada na vocación práctica da docencia e no pulo das actividades non presenciais co fin de facilitar a formación continua por parte dos empregados públicos ao eliminar as posibles barreiras no acceso e promover a conciliación entre a vida familiar e laboral.

Ademais, destacou a eficiencia na xestión, salientando que é posible facer máis con menos, o cal se demostrou coa ampliación da oferta de cursos a pesar da axustes orzamentarios nos últimos anos.

No relativo á calidade, sinalou as dúas vías mediante as cales a EGAP garante a utilidade dos contidos e a excelencia da formación. A priori, testando os propios destinatarios dos cursos en relación coas súas necesidades formativas e a posteriori mediante o seguimento da demanda real rexistrada e os resultados das enquisas de avaliación.

Finalmente, Sonia Rodríguez-Campos destacou o traballo da Escola para garantir a máxima transparencia, tanto mediante o acceso aos contidos das xornadas e cursos monográficos a través da páxina web como mediante a publicación dos convenios asinados anualmente ou das subvencións concedidas.